Por qué ÁTOMAS?

A divulgación científica segue a ser un obxectivo fundamental para comunidade científica no século XXI. Nun dos momentos históricos onde a poboación ten mellores condicións de acceso á información dende multitude de dispositivos tecnolóxicos, a divulgación científica como tal, con información verídica, contrastada e transparente, semella estar enterrada por toneladas de información falsa de calquera tipo e de calquera orixe.

Ademáis diso, e a pesar das reivindicacións feministas vividas nos últimos anos, o papel da muller na historia da ciencia, a súa contribución á evolución do coñecemento científico, así como a discriminación que aínda sufre a muller nos ámbitos científicos, fai que sexa necesario que calquera publicación que pretenda divulgar ciencia, teña unha marcada perspectiva de xénero.

Obviamente, o preciso recoñecemento ao papel da muller, non pretende esquecer nin obviar a importancia de diversidade sexual e das identidades de xénero dentro do ámbito científico.


Átomas e átomes

Tivemos debate sobre o nome do proxecto. Estivemos días para tomar unha decisión ao respecto, e finalmente mantivemos ambos nomes, aínda que tomou a dianteira ÁTOMAS por este texto, marabilloso, de Brigitte Vasallo:

"Femenino honorífico, masculino excepcional

Este libro está escrito en femenino. Uso, máis concretamente, o feminino xenérico e o masculino intencional, o masculino como excepcionalidade, por unha vez. Escribo así porque reclamo, ao mesmo tempo que a perspectiva masculina sexa visibilizada como tal, más aínda nunha temática como a sexo-afectiva que está tan extraordinariamente mediada por cuestións de xénero. Non quero con esto reducir o xénero ao binario nin feminizar a ninguén que non o queira, pero é a enunciación que me fai sentir máis cómoda para avanzar neste libro.

Por último, tamén escribo en feminino por unha cuestión política. Como dicía Heidegger, non falamos a linguaxe, senón que ela nos fala. O debate sobre o masculino como xénero neutro pertence a un mundo agónico sen futuro posible. Un mundo que morre matando, pero que morre. Se é masculino non é neutro. É masculino. Que se utilizase como xenérico dende fai séculos non é por un acordo lingüístico senón pola sinxela razón de que o mundo sobre o que se gardaban narracións era masculino, literalmente. Pero se este mundo xa non existe, non podemos continuar a narrar como se existise.

Fronte ao puritanismo lingüístico, persoalmente me causa pouquísimos problemas forzar a lingua, máis ben ao contrario. A linguaxe é unha ferramenta e como tal debe exprimirse, expandirse, transformarse, reinventarse a cada liña. A lingua non se empobrece coa transformación: empobrécese co anquilosamento. A linguaxe, mal que lles pese ás Academias de la Lengua, perténcennos á xente que a usamos, que a vivimos, que nos nomeamos a través dela. Atrevernos a usar unha linguaxe que nos represente, sen necesidade do permiso de La Academia, é unha forma de subversión. Escribir este libro en feminino non acabará coas desigualdades de xénero nin co binarismo, pero pon o acento sobre a cuestión e confirma que o problema non está resolto.

Polo demais, o feminino deste libro non é xenérico, é honorífico. Non pretende "feminizar" a todas as persoas lectoras, nin quere invisibilizar as infinitas formas de nomearse de persoas de xéneros non binarios. Podería ter usado outras fórmulas, pero quixen tamén deixar o recordatorio constante de que o xénero, moi ao noso pesar, segue existindo e seguimos habitando un mundo rexido por esa existencia, polas lecturas que dos nosos corpos e das nosas identidades fai o entorno. Así, o feminino deste libro é unha homenaxe a todas as persoas que, máis alá da súa identidade de xénero e orientación sexual, merecen ser nomeadas nun feminino de rebeldía. Polas disidencias que fan dende os seus lugares de enunciación, polos infinitos espazos de existencia que están creando máis alá do binomio, polas múltiples resistencias ao mandato no día a día, polo boicot á normalidade que nos insta a ser homes-de verdade e mulleres-de-verdade.

E posiblemente, o feminino sexa tamén un filtro para os e as lectoras. Quen se ofenda por ser nomead* en feminino, atopará neste libro motivos moitísimos maiores de ofensa. Porque é un libro escrito dende a disidencia para persoas que se sinten orgullosas de ser nomeadas en disidencia. Para persoas que non se sinten ameazadas por uns cantos xéneros desprazados aquí e alá."


IES Chamoso Lamas, O Carballiño

Átomas comeza a súa andadura en 2021, traballando co alumnado do IES Chamoso Lamas do Carballiño. O alumnado de 4º ESO das materias de Cultura Científica e Ciencias Aplicadas á Actividade Profesinal, e en xeral todo o alumnado do centro, é o artífice desta proposta divulgativa.


Fanzine - 400nm

O fanzine de Átomas ten o nome de 400 nm, que é o valor da a lonxitude de onda da radiación electromagnética correspondente á cor violeta. Estrictamente falando, a cor violeta percíbese debido á fotorrecepción, por parte do ollo humano, da radiación electromagnética cunha lonxitude de onda entre os 380 nanómetros e os 420 nanómetros, de forma que en realidade "a cor violeta" engloba a un conxunto de tonalidades violáceas do espectro visible da luz.